O vindeiro venres 21 de outubro inauguramos nova exposición de ilustración. Nesta ocasión contamos coas obras da galega Belén Diz. Da súa obra destaca a incansable produción con bolígrafo, que a fai moi característica e vivaz. Case a estamos imaxinando en calquera sitio co seu bolígrafo bic retratando imaxes. Na mostra destacamos as pezas que representan parte dos seus personaxes, series ou películas favoritas.
A inauguración será a partir das 19h e sortearemos unha obra en formato A5 entre os e as asistentes.
Esperámosvos!
Exposición de ilustración
Fangramas
Belén Diz Juncal
A partir do 21.10. Inauguración ás 19h
Ese Sitio r/ Orzán 194 baixo. 15003 A Coruña
+BIO
Belén Diz Juncal (1993) vive, ou algo así, en Pontevedra, Galicia.
Graduada en Belas artes pola Universidade de Vigo e posteriormente titulada no máster de álbum ilustrado e animación audiovisual na mesma universidade, esta moza ilustradora dedícase a consumir bolígrafos, relando nun papel infinidade de realidades que pretenden completar a súa propia.
O seu traballo engloba diferentes temas e disciplinas, entre as que destacan a idea de infancia, o corpo e o fogar como refuxio, na que se pretende representar ese espazo que nos fai sentir seguros por medio de escenas onde o propio corpo, a mirada e o contexto reflicten un imaxinario construído a partir de recordos, sensacións e sentimentos. a intención é traer ao presente ese refuxio da infancia que na madurez resulta inalcanzable a partir dun achegamento á intimidade dos suxeitos retratados, extraendo eses momentos puntuais do ámbito privado e a memoria para volvelos algo tanxible.
Rescatando a importancia destes elementos, esta artista representa, por outra banda, a beleza e sensualidade da muller a través de escenas caracterizadas por unha profunda carga erótica. o propósito é resaltar a importancia do instante único, aludindo á individualidade do suxeito a través dun xogo no que o espectador se mergulla simultaneamente en situacións ás que aparentemente non foi convidado pero que suxiren todo o contrario, sempre dentro dese marco erótico.
Todo isto mediante debuxos de corte realista, cun coidado meticuloso respecto a a técnica. luces e sombras, enfoques e desenfoques que seducen pero que tamén fan reflexionar sobre a realidade representada, que convidan a imaxinar que é o que ocorre antes e despois, pois a pesar de que a representación é figurativa, non por iso vai implicar maior evidencia.